Rubén Arroxo visita a Mosqueira con guías turísticas da cidade
O Tenente Alcalde afirmou que “a Mosqueira será unha das prazas máis importantes da cidade, e tamén un atractivo turístico para as persoas que nos visiten”
Arroxo presentou o proxecto da nova praza para que as guías turísitcas inclúan a Mosqueira nos seus percorridos
Lugo, 25 de febreiro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, realizou unha visita á Mosqueira acompañado de guías turísticas que realizan a súa actividade en Lugo. Arroxo explicou que “unha vez rematen as obras, a Mosqueira será unha das prazas peonís máis importantes da cidade, e un atractivo turísitco importante para todas as persoas que visiten Lugo”. O Tenente Alcalde presentou o proxecto da Mosqueira ao colectivo de guías turísticos da cidade para que inclúan esta zona nos seus percorridos.
A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira. O novo alumeado terá unha dobre función, garantir a boa visibilidade na parte pública e “avanzar na mellora da percepción visual da Muralla, reducindo a contaminación lumínica producida polos antigos proxectores instalados no céspede”, explicou o Tenente Alcalde.
Na zona inferior, próxima á porta de San Pedro, instalouse unha pavimentación novidosa en Lugo, que alterna céspede e baldosas. Arroxo explicou que "isto mellorará a percepción do monumento e permitirá abrir á veciñanza un dos espazos máis simbólicos da cidade"