Continúa a actividade cultural no Cemiterio Municipal co Concerto da Lembranza
A actividade terá lugar mañá, 30 de novembro, a partir das 19:30 horas no Cemiterio Municipal
Este ano o concerto adicarase Ana Goy, en recoñecemento da súa ampla colaboración na posta en valor do Cemiterio
Lugo, 29 de novembro de 2022. A área de Participación continúa coa programación cultural do Cemiterio Municipal cunha nova edición do tradicional Concerto da Lembranza, unha das actividades máis agardadas da programación anual do Cemiterio, na que se homenaxea e se lembra ás persoas falecidas.
Este ano, o Concello de Lugo adica este evento a Ana Goy, Catedrática de Historia da Arte na USC, e que colaborou en múltiples ocasións co Concello de Lugo co obxectivo de poñer en valor e recuperar o Cemiterio de San Froilán como recurso cultural, social e emocional.
O concerto, que terá lugar este mércores, 30 de novembro a partir das 19:30 horas no Cemiterio Municipal, será interpretado polo cuarteto vogal Son de Corda, con Elena R. Fernández ao piano. A entrada será gratuíta ata completar o aforo.
A actividade rematará co ritual colectivo Verbas de Luz, unha queima de mensaxes de agarimo, lembranza e consideración ás persoas qeu xa non están, que se transformarán en luz e iluminarán o cemiterio.