O BNG convoca á veciñanza de Lugo a un acto para falar de alternativas fronte á crise de prezos
Realizarase este mércores, 30 de novembro, ás 20 horas no centro de convivencia Uxío Novoneya
Este acto enmárcase dentro da campaña do BNG para frear o empobrecemento xeralizado do pobo galego por mor da inflación
Lugo, 29 de novembro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego organiza un acto público en Lugo dentro da campaña "Fagamos Valer Galiza, contra a crise de prezos, hai alternativas" coa que a organización frontista amosa as súas propostas ante a crise de prezos por mor da inflación.
O acto terá lugar este mércores, 30 de novembro, ás 20 horas no centro de convivencia Uxío Novoneyra e intervirán: Ada Blanco, integrante de Galiza Nova; Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo e candidato do BNG á alcaldía de Lugo; Rubén Cela, integrante da executiva nacional do BNG e Olalla Rodil, deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego.
A deputada Olalla Rodil declarou “o empobrecemento das clases populares deste País é insoportábel, por isto, desde o BNG defendemos un decálogo de medidas urxentes para paliar esta situación, como por exemplo incrementar a presión fiscal ás grandes empresas e patrimonio coa persecución da fraude fiscal, o impulso á mocidade, ás PEME’s ou a intervención no mercado eléctrico e o da vivenda, entre outras”
Por todo isto, Olalla Rodil animou á veciñanza a participar neste acto “convidamos ás veciñas e veciños a que se acheguen para coñecer as alternativas do BNG ante esta situación e pór freo á política de austeridade e aos recortes do Partido Popular”