Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan a rúa Camiño Real
O persoal técnico de infraestruturas e da empresa que está a executar os traballos acordaron a planificación do traballo que se realizará ata o final do Nadal
Rubén Arroxo: “os traballos continúan avanzando a bo ritmo, convertendo esta zona no Bispo Aguirre do norte da cidade”
Lugo, 29 de novembro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitou xunto con Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas a rúa Camiño Real, onde avanzan os traballos de peonalización do treito comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. Rubén Arroxo afirmou que “este treito será a rúa Bispo Aguirre da zona norte da Muralla, recuperando espazos útiles para as persoas”. Os edís mantiveron unha xuntanza con persoal técnico da Concellería de Infraestruturas e da empresa que está a realizar os traballos na que coordinaron os traballos a executar ata final do Nadal. Durante a xuntanza, contouse coas achegas de veciños e comerciantes da zona, que destacaron o bo funcionamento e a ordenación que se está a seguir durante o desenvolvemento dos traballos.
A Concellería de Infraestruturas e a empresa responsábel dos traballos facilitarán o acceso peonil á totalidade da vía ata o final do nadal. Os traballos paralizaranse en decembro, entre os días 3 e 11 e do 23 ao 8 de xaneiro, datas nas que por convenio non se desenvolven traballos no sector da construcción. O resto de días laborables, os traballos realizaranse na mesma beirarrúa na que se está a traballar agora, permitindo o tránsito peonil pola totalidade da vía.
“Hoxe puidemos comprobar como este treito conta cun gran tránsito peonil, e durante o nadal toda a veciñanza de Lugo poderá camiñar por esta zona con normalidade”, afirmou o Tenente Alcalde.
O Goberno de Lugo inviste 279.432,31€ nesta intervención, que ten un prazo de execución de 6 meses. Arroxo anunciou que “os traballos estanse a executar ao ritmo planificado para que na primavera todas as veciñas e veciños de Lugo poidamos desfrutar dun novo treito peonil na contorna da Muralla”.
A nova zona peonil manterá o acceso rodado para as e os residentes, e o tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas. Este treito terá un mellor acondicionamento ambiental, dado que se instalarán novas verdes con árbores e arbustos. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes.