O GOBERNO MUNICIPAL TEN PENDENTE DE CONVOCAR AS XUNTANZAS DA MESA TÉCNICA DE COORDINACIÓN PARA A ATENCIÓN A VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO
Continúa a campaña do BNG para que Lugo conte cun Xulgado Específico de Violencia de Xénero
“O Goberno do Estado debería facilitar que Lugo conte con este Xulgado que xa está funcionando noutras cidades galegas” sinalou Maite Ferreiro
Lugo, 5 de setembro de 2018. O BNG reactivou, en Lugo, a campaña para lograr a creación dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero. Despois de ter presentado iniciativas nas diferentes institucións e dunha intensa campaña de recollida de sinaturas, Maite Ferreiro anunciou que “continuaremos traballando por que a violencia contra as mulleres non para e contar cun Xulgado Específico significa ter persoal formado e especializado para abordar os casos que chegan á vía xudicial”. No acto participou, tamén, a parlamentaria do BNG Olalla Rodil.
O Xulgado Específico de Violencia de Xénero terá que dar atención a mulleres de toda a provincia, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. A proposta que defendemos suporía comarcalizar o servizo e que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia. Neste momento non existe unha quenda específica de turno de oficio con profesionais para atender este tipo de casos.
Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de alexamento antes e despois do xuízo.
A edil do BNG lembrou que o Goberno Municipal ten pendente de executar acordos tomados no Foro de Igualdade como a eliminación da publicidade sexista ou a xuntanza da Mesa Técnica de Coordinación para a atención a vítimas de violencia de xénero. Maite Ferreiro precisou que “esta decisión depende do Consello Xeral do Poder Xudicial”. A edil nacionalista lembrou as disparatadas cifras dos casos de violencia de xénero.
En 2017, segundo os datos publicados recentemente polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo cometéronse 696 delitos de violencia machista, case dous ao día, incrementándose a respecto 671 cometidos no ano 2016. No conxunto do estado contabilizouse a cifra total de 163.132 delitos de violencia machista. Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade.