Continúa o ciclo de actividades Xadrez para Todas, organizado pola concellería de Educación
O Goberno de Lugo e a Asociación cultural Xaquedrum levan adiante esta proposta con distintas actividades que promocionarán o xadrez nas rúas e nos centros de ensino
Nas actividades participan máis de 1.000 nenas e nenos de 13 centros de ensino de Lugo
Lugo, 25 de marzo de 2022. O Goberno de Lugo e a asociación cultural Xaquedrum continúan co ciclo de promoción do xadrez “Xadrez para todas”, cun novo torneo escolar e de partidas rápidas. Estas actividades nacen co obxectivo de “espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias sobre as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa”, explicou Felipe Rivas.
A programación do ciclo pretende achegar o xadrez ás e aos escolares lucenses. O programa lévase a cabo no horario lectivo e vai dirixido especialmente aos alumnos de primaria. Todos os centros públicos da cidade están participando nas actividades, o que fai que máis de 1.000 nenas e nenos estén a aprender xadrez no seu centro de ensino.
A metodoloxía dos cursos é participativa e onde o alumno vai aprendendo xogando e vendo os resultados dá súa aprendizaxe. As sesións comezan cunha breve explicación e as e os estudantes, posteriormente poñen en práctica os coñecementos achegados xogando diferentes posicións cos seus compañeiros.
Felipe Rivas destacou “o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación”, e engadiu “a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade”.