Alexandre Penas solicita á Xunta de Galiza que instale elementos de calmado do tráfico nas rúas Monte Faro e Fisterra
Penas: “desde o Goberno de Lugo solicitamos que se realicen estas intervencións en consonancia co traballo que estamos a realizar no resto da cidade, dado que se trata de viais que son propiedade do goberno galego”
O concelleiro de Infraestruturas destaca que “son zonas nas que é preciso avanzar no calmado do tráfico, dado que hai instalacións deportivas e parques infantís na contorna”
Lugo, 12 de maio de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas reclamou á Xunta de Galiza que execute unha serie de actuacións para o calmado do tráfico nas vías de Lugo que son propiedade do goberno galego. Alexandre Penas explicou que “desde o Goberno de Lugo levamos anos traballando no calmado do tráfico nas distintas zonas da cidade, e continuamos a recibir peticións veciñais reclamando novos elementos de calmado de tráfico como pasos de peóns elevados”.
O edil de Infraestruras explicou que “vimos de trasladar á Xunta unha solicitude reclamando actuacións nas rúas Fisterra e Monte Faro, atendendo ás múltiples solicitudes que recibimos das veciñas e veciños da zona”. Alexandre Penas destacou que nestas zonas é preciso avanzar no calmado de tráfico, “dado que na contorna podemos atopar instalacións deportivas e parques infantís que contan cunha gran afluencia de veciños e veciñas”.
Nos últimos anos, a concellería de Infraestruturas construíu máis de 50 pasos de peóns elevados en distintas zonas da cidade. Nas primeiras actuacións comezouse coa construcción de pasos de peóns elevados nas contornas dos centros escolares, e continúa avanzando no resto de zonas da cidade. A área de Mobilidade vén de activar a humanización de Gallego Tato, o seguinte paso na mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel.