O Goberno de Lugo estuda a reparación da rotonda de Garabolos
Alexandre Penas: “os traballos sectorizaranse en varias fases para reducir ao máximo as molestias que poida producir unha obra deste tamaño”
A concellería de Infraestruturas executará os traballos nos meses de verán, coincidindo coa época na que esta vía acumula menos tráfico
Lugo, 13 de maio de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas informou dos avances que está a realizar de cara á reparación do afundimento da rotonda de Garabolos, ubicada na intersección da Avenida da Coruña coa Rolda Norte. Alexandre Penas explicou que “trátase dunha reparación importante nunha das vías que máis tráfico acollen cada día, ao tratarse dun dos principais puntos de entrada á cidade, tanto desde a Rolda Norte como desde a N-VI”.
A concellería de Infraestruturas planifica dividir os traballos en varias fases “para tratar de reducir ao máximo as molestias que produce unha obra deste tamaño”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “buscamos evitar un corte total do tráfico rodado nesta rotonda”. A concellería de Infraestruturas executará os traballos durante os meses de verán, dado que se trata da época na que esta vía acolle menos tráfico.
Os traballos consistirán na creación dunha nova placa de formigón e asfalto no percorrido da rotonda, para o que será preciso actuar en gran parte do percorrido da mesma. Alexandre Penas explicou que “é unha actuación importante para Lugo que temos que realizar garantindo sempre que a veciñanza poida seguir circulando pola cidade”.