Maite Ferreiro presenta as actividades que o Goberno de Lugo organiza polo día das Letras Galegas

Maite Ferreiro: “organizamos unha serie de actividades para mostrar a presenza do galego nas distintas artes”

O 17 de maio a área de Cultura agasallará libros a todas as persoas que se acheguen á praza Maior

 

Maite Ferreiro presenta as actividades que o Goberno de Lugo organiza polo día das Letras Galegas

Lugo, 12 de maio de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que o Goberno Municipal organiza de cara ao día das Letras Galegas. Maite Ferreiro explicou que “organizamos unha serie de actividades culturais que mostrarán a presenza do galego nas distintas artes e na rúa todos os días do ano”.

O propio 17 de maio, a área de Cultura agasallará un libro en galego a todas as persoas que se acheguen á praza Maior. A actividade terá lugar entre as 12 e as 13:30 horas, e as persoas que o desexen levarán un libro procedente do fondo bibliográfico municipal. “Quixemos repetir esta actividade que é un éxito cada vez que a organizamos, e que nos permite achegar as obras do fondo bibliográfico municipal a todas as veciñas e veciños”, afirmou Maite Ferreiro. O Cemiterio Municipal acollerá un concerto da agrupación Claustromusical e unha lectura poética de textos o 17 de maio a partir das 13:00.

As actividades do día das letras comezan o sábado 14, cos con contactontos no Vello Cárcere ás 11:30 e ás 18:00. Ademáis, o Vello Cárcere organizará obradoiros infantís entre o 16 e o 22 de marzo, ademais das actividades Pequeviñetistas; A historia de Florencio Delgado Gurriarán, orientada para nenas e nenos de 6 a 12 anos, o luns 16 ás 18h. Co gallo do día das Letras Galegas, para nenas e nenos de 3 a 8 anos, o martes 17 ás 17.30h, e Co gallo do día dos museos, o mércores 18 ás 17.30h, para nenas e nenos de 3 a 6 anos e de 7 a 12 anos.

A asociación Cántigas e Frores celebrará o día das letras con actuacións na rúa polo recinto histórico, os días 15 e 19 ás 12:00.

Ademais, Lugo acollerá a Feira do Libro entre o 17 e o 22 de maio.

 

As corais de Lugo organizarán unha homenaxe a Florencio Delgado Gurrriarán o propio 17 de maio,  a partir das 18h,  no quiosco da Praza Maior. Contará coa presenza da Coral Xolda Polifónica, Solo Voces, Schola Gregoriana Lucensis, Cantar Delas, Orfeón Xoán Montes Conjunto Vocal Lugh, Coral Amigos do Camiño, Coral do Hospital de Lugo, Coral Ecos do Miño Astelu e Orfeón Lucense.

Por último, as orquestas CMUS Xoán Montes darán un concerto no Vello Cárcere o 18 de maio a partir das 19h.

Maite Ferreiro presenta as actividades que o Goberno de Lugo organiza polo día das Letras Galegas