Continúan os hortos escolares da Concellería de Educación
Felipe Rivas: "as actividades pretenden amosar as labores propias dos hortos e sumar coñecementos da cultura tradicional galega"
O Tenente Alcalde e o concelleiro de Infraestruturas visitaron a actividade realizada esta mañá no colexio das Gándaras, onde se celebraron os maios
Lugo, 23 de maio de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e o concelleiro de Educación, Felipe Rivas, visitaron o colexio das Gándaras onde hoxe se celebraron os maios, dentro da programación de hortos escolares nos centros de ensino para as e os estudantes de sexto de infantil.
O Tenente Alcalde e o Concelleiro de Educación visitaron as instalacións do centro xunto con representantes da Tradescola, que colabora co Goberno de Lugo na elaboración das actividades.
Felipe Rivas explicou que "nos últimos meses, as nenas e nenos realizaron actividades utilizando o traballo no horto como recurso educativo, para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental". Ao mesmo tempo, as actividades espallan as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera, como a actividade realizada hoxe.
Os centros contaron con 7 sesións de 50 minutos, realizadas entre os meses de febreiro e maio. As sesións uniron actividades no horto e nas aulas, combinando distintas metodoloxías pedagóxicas para acadar os distintos obxectivos do proxecto, como poden ser ampliar o coñecemento das nenas e nenos sobre os diferentes cultivos, así como o aproveitamento dos mesmos, fomentar comportamentos responsables e comprometidos no coidado da natureza ou comprender e interiorizar os procesos de sementar e plantar, así como o desenvolvemento posterior das plantas e os coidados necesarios para o seu desenvolvemento óptimo. As actividades rematarán coa colleita dos cultivos, compartindo o recollido polo grupo, para logo poder consumilo cada un, na súa casa.
Ao mesmo tempo, as e os nenos participantes puideron coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, ademais de aprender celebracións tradicionais relacionadas coa natureza, como os maios.