Cristina López: “desde a área de Participación traballamos para garantir a mellor atención á veciñanza a través do 010”

A área de Participación puxo en coñecemento dos servizos de Persoal e Contratación a situación da empresa concesionaria, que deixou de prestar o servizo

A concelleira de Participación explicou que “queremos poñer en marcha de novo o servizo de xeito provisional, mentres se prepara a nova licitación do servizo”

Cristina López: “desde a área de Participación traballamos para garantir a mellor atención á veciñanza a través do 010”

Lugo, 07 de marzo de 2022. A concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, anunciou as medidas que o Goberno de Lugo está a poñer en marcha debido á quebra da empresa Abante, responsábel do servizo do 010. Cristina López explicou que “estamos xa a traballar para garantir o mellor servizo de atención para a veciñanza de Lugo, despois das distintas situacións acontecidas nas últimas semanas coa empresa responsábel”.

A concelleira de Participación vén de poñer en coñecemento dos servizos de Persoal e Contratación a situación acontecida coa empresa concesionaria despois do cese do servizo pola súa parte, e a situación actual das traballadoras e traballadores do mesmo. “Estamos xa traballando en poñer o 010 en marcha, de xeito provisional, mentres preparamos un novo prego para licitar o servizo de novo”, explicou a edil de Participación.

O Goberno de Lugo poñerá en marcha de novo o 010 “no menor prazo de tempo posíbel” para garantir “que as veciñas e veciños teñan acceso á atención telefónica de calidade ofrecida neste servizo”, afirmou a concelleira de Participación, que engadiu “para solicitar cita previa nos distintos servizos municipais está activo o servizo de cita a través da web municipal”.

O sistema de cita previa está dispoñible para os servizos de Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería. Para solicitar a cita, deberase iniciar o procedemento a través do formulario habilitado na web concellodelugo.gal, seleccionando o servizo ao que se dirixe e o tipo de trámite a realizar, e escoller a data e hora desexada para presentarse no Concello. Despois deberanse cubrir os datos persoais da solicitante, incluíndo un teléfono de contacto e un correo electrónico, medios aos que chegará unha mensaxe confirmando a reserva da cita.

A través do mesmo trámite da web do Concello, pode eliminarse unha cita solicitada previamente, liberando a hora para que outra persoa poida asistir a realizar un trámite nese momento.

 

Cristina López: “desde a área de Participación traballamos para garantir a mellor atención á veciñanza a través do 010”