Cristina López entrega os premios do VIII concurso de fotografía "Estampas de Paz e Acougo"
A área de Participación proxectou, neste acto, unha visión actual sobre a importancia do Cemiterio de San Froilán
Lugo, 28 de decembro de 2022. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, entregou hoxe os premios do VIII concurso de fotografía "Estampas de Paz e Acougo". A área de Participación tivo no seu ánimo achegar á cidadanía ao cemiterio e integralo na vida social e cultural da cidade, poñendo en valor non só o patrimonio histórico e artístico que alberga senón tamén a importante carga emocional contida en cada unha das esculturas e construcións funerarias.
O concurso estivo baseado, entre outras temáticas, na simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. O xurado valorou a calidade técnica e artística das obras, dándoselle unha especial relevancia á captación da sensación de paz e harmonía coa que se impregnan os recintos dos cemiterios. O xurado estivo formado polo fotógrafo Eduardo Ochoa, Amparo Rubinos, Xefa do Servizo do Cemiterio Municipal e Chelo Rodríguez, do Servizo do Cultura do Concello de Lugo.
"Seno de Esperanza", de Begoña Pérez López, foi a imaxe gañadora dos 600€ do primeiro premio. O segundo premio, con 400€, foi para Roberto Mouriz Lamas, coa imaxe "Evocación". Na terceira posición rematou "Pureza", de Aída Martín Vázquez, que levou un premio de 200€. Cristina López agradeceu a todas as persoas que presentaron imaxes a súa participación no concurso.