Cristina López: “estudamos habilitar un espazo para acoller mascotas no Cemiterio Municipal”
A edil de Participación acudiu á Funexpo, feira internacional do sector funerario, para coñecer as últimas novidades neste sector
Cristina López: “continuamos a traballar para mellorar o cemiterio municipal atendendo tamén ás propostas da veciñanza para este espazo”
Lugo, 02 de outubro de 2021. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, acudiu esta semana á feira internacional do sector funerario FUNEXPO para coñecer as últimas novidades no sector “e estudar a colocación dun espazo para mascotas no Cemiterio Municipal, atendendo a unha proposta que a veciñanza leva tempo reclamando”.
Cristina López destacou o traballo realizado nos últimos anos para mellorar o Cemiterio Municipal. “Neste tempo realizamos a primeira ampliación do cemiterio desde o 2006 e melloramos espazos tanto na zona antiga como na nova”, explicou Cristina López, que engadiu “seguimos a planificar traballo para mellorar o Cemiterio Municipal, atendendo tamén ás solicitudes que nos fai chegar a veciñanza”.
A primeira edición de FUNEXPO levouse a cabo entre o 28 de setembro e o 1 de outubro en Madrid. Durante os catro días de feira leváronse adiante comisións de traballo e xuntanzas profesionais de cemiterios e empresas relacionadas co sector fúnebre. O programa incluíu a celebración de FUNEXPOPET, a primeira feira específica do sector funerario no sector das mascotas.