Cristina López inicia xuntanzas coas comerciantes da Praza de Abastos e do Mercado Municipal
Cristina López: “queremos avaliar as accións postas en marcha contando coas persoas que desenvolven a súa actividade na Praza e no Mercado”
“Continuaremos a mellorar a Praza e o Mercado, dous emprazamentos históricos nunha zona privilexiada da cidade”, afirmou Cristina López
Lugo, 22 de xaneiro de 2021. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, iniciou unha serie de xuntanzas con todas as vendedoras e vendedores da Praza de Abastos e do Mercado Municipal. Cristina López explicou que “con estas xuntanzas queremos avaliar as accións que puxemos en marcha no 2020 para promocionar a Praza e o Mercado, e para recoller as propostas das profesionais que desenvolven a súa actividade nestas instalacións para as vindeiras campañas”.
A edil de Participación afirmou que “durante o 2021 seguiremos traballando para darlles ocupación aos postos baleiros da Praza e do Mercado, para contar con novas propostas nun emprazamento histórico da cidade”, e engadiu, “continuaremos a realizar campañas e promocións durante este ano para facer chegar á veciñanza os produtos de calidade e a atención persoal das e dos distintos profesionais de cada posto”.
Cristina López destacou a importancia do comercio local, “que demostrou a súa importancia durante a crise sanitaria”. Para a edil de Participación, “neste momento é máis importante que nunca colaborar na reactivación económica e social, para o que o pequeno comercio se volve imprescindible”.