Cristina López participa no Funergal, a maior feira sobre o sector funerario de Galiza e Portugal
Cristina López será unha das participantes na mesa redonda A influencia da COVID no sector funerario, que tratará sobre o impacto da crise sanitaria na Galiza
Lugo, 19 de maio de 2022. A edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, representa ao Concello de Lugo na edición 2022 da feira Funergal, que se está a celebrar esta semana en Ourense. Funergal é o principal punto de encontro do sector funerario do estado e de Portugal, e ano tras ano reúne ás principais empresas e acolle as presentacións das últimas novidades do sector.
Cristina López asiste á feira en representación do Cemiterio Municipal de Lugo e como integrante da directiva da Asociación Estatal de Entidades e Empresas Municipais de Servizos Funerarios, e participará no 2º congreso internacional de directivos funerarios, que se organiza ao mesmo tempo que a feira.
A participación neste evento, de calado internacional, contribúe á proxección do Cemiterio Municipal de San Froilán, que se está a converter nun dos cemiterios máis emblemáticos do estado.