Cristina López presenta as normas coas que o Mercado de Frigsa se adapta ás novas restricións da Xunta
De cara a levar un mellor control de cabida, só se poderá acceder ao mercado pola porta situada preto das piscinas municipais
“Desde a área de Participación levamos, desde o inicio da pandemia, aplicando medidas para garantir o cumprimento de todas as medidas de seguridade”, lembrou Cristina López
Lugo, 28 de xaneiro de 2021. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, deu conta das novas medidas a aplicar no Mercado de Frigsa, unha vez o persoal técnico municipal analizou o decreto da Xunta de Galiza. A edil de Participación lembrou que “desde o momento no que se permitiu a reapertura dos mercados, traballamos para garantir que se cumpriran todas as medidas e restricións anunciadas polas distintas autoridades sanitarias”.
A partir deste venres, os distintos postos do Mercado deberán chegar ao recinto entre as 8 e as 10 horas, deste xeito, como máximo ás 10:00 os postos deberán estar colocados. Do mesmo xeito, o número de postos a colocar está limitado a 52, nos que terán preferencia os postos cuxas persoas titulares sexan do concello de Lugo, e dentro destes, os adicados á alimentación. O resto de postos asignaranse cada día de Mercado por orde de chegada. A zona ubicada na contorna do Auditorio Municipal será precintada, evitando o asentamento de postos.
De cara a controlar a cabida, o acceso da veciñanza limitarase á última porta do Parque, situada preto das piscinas municipais, quedando as dúas entradas restantes pechadas.
Cristina López criticou “que a Xunta de Galiza non publicase os decretos coas novas restricións ata escasas dúas horas antes da súa entrada en vigor”. Segundo a edil de Participación, “este retraso por parte do goberno galego atrasou a nosa aplicación das normas, deixándonos só un día para informar á veciñanza da nova situación do Mercado de Frigsa”