Maite Ferreiro entrega os premios da 1ª Volta a Lugo en moto, organizada pola asociación Lóstregos Lucus
Maite Ferreiro: “trátase dunha oportunidade para coñecer Lugo dun xeito ameno e lúdico”
A 1ª Volta ao Concello de Lugo foi organizada pola asociación Lóstregos Lucus en colaboración coa área de Cultura
Lugo, 29 de xaneiro de 2021. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro participou na entrega de premios da primeira Volta ao Concello de Lugo, unha iniciativa posta en marcha pola área de Cultura e a asociación Lóstregos Lucus como “unha oportunidade para que as moteiras e moteiros de Lugo realicen a súa actividade sen incumprir as restricións sanitarias vixentes e coñecer ao mesmo tempo a súa contorna máis cercana de xeito ameno e lúdico”.
A primeira Volta ao Concello de Lugo consistiu nunha ruta en moto adaptada ás restricións sanitarias. En total, foron case 130 Km de ruta en moto por todo tipo de estradas sen saír dos límites do Concello, seguindo un libro de ruta que permitiu coñecer o patrimonio municipal. “Trátase dunha ruta turística, sen ningún tipo de afán competitivo”, explicou Maite Ferreiro, que engadiu “as persoas participantes descubrirán as paraxes de Lugo que habitualmente non visitamos, e con este redescubrimento do Concello poderán converterse en futuros promotores da nosa paisaxe unha vez se volva permitir a circulación”.
A área de Cultura e Lóstregos Lucus quixeron colaborar tamén co comercio local para realizar esta actividade. Na mañá de hoxe realizouse o sorteo de 4 vales de 200€ nos, un para cada un dos concesionarios participantes. Os catro gañadores foron José Antonio González, Álvaro Mallo Fernández, Marcos Ces e Antonio Lamela, que recibirán vales para canxear en Núñez Motor, Repuestos Martín, Motos Montouto e Honda Motor respectivamente. A concelleira de Cultura explicou que “apoiamos esta iniciativa para colaborar tamén na reactivación do comercio local, un sector moi importante para afrontar a crise”.