Cristina López presenta a nova distribución que seguirá o Mercado de Frigsa
Rubén Arroxo, Maite Ferreiro e Cristina López visitaron o aparcadoiro do Auditorio Municipal, onde se situará o mercado nas vindeiras semanas
Cristina López: “esta nova distribución permitirá un mellor aproveitamento do espazo e aumentará a seguridade das asistentes ao Mercado”
Lugo, 13 de maio de 2021. A concelleira de Participación, Cristina López, visitou o aparcadoiro do Auditorio Municipal Gustavo Freire xunto co Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, onde presentaron a nova distribución que seguirá o Mercado de Frigsa. Cristina López explicou que “trasladamos o espazo adicado a postos á zona do aparcadoiro do Auditorio Municipal, o que nos permitirá mellorar tanto a distribución dos postos como a seguridade para todas as persoas que asisten cada martes e venres a este Mercado”.
Cristina López explicou que “con esta nova distribución, as veciñas e veciños de Lugo recuperarán o espazo de estacionamento do Parque de Frigsa, que actualmente se inhabilita para a celebración do Mercado”. “Ademais, terase un maior control no acceso de vehículos ás instalacións, xa que só haberá unha posible zona de acceso de vehículos, en lugar das cinco actuais”.
O Mercado de Frigsa conta actualmente con 102 postos concedidos, en sectores como a alimentación, o téxtil ou o calzado. Ten lugar nas mañás de todos os martes e venres nas instalacións do Parque de Frigsa. O espazo do aparcadoiro foi acondicionado o pasado ano desde a Tenencia de Alcaldía, coa renovación do asfaltado e a mellora do mobiliario. Cristina López explicou que desde a área de Participación se está a traballar xa “para que o cambio de distribución se produza nas vindeiras semanas”.