Da comezo a renovación do alumeado público da Fonte dos Ranchos e Avenida das Américas
“Realizamos unha importante inversión en renovación de luminarias, reducimos o consumo e aumentamos a calidade de vida”, explicou Arroxo
Infraestruturas renovará as canalizacións e a instalación eléctrica e mudará as actuais luminarias por LED para reducir o consumo enerxético
Lugo, 09de febreiro de 2021. O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e persoal municipal, visitaron o inicio da renovación do alumeado público na Fonte dos Ranchos, na rúa Doutor Ochoa e no primeiro treito da avenida das Américas, até o cruce coa rúa Ameneiro, que deron comezo hoxe. Segundo explicou Rubén Arroxo, “este investimento permitirá aforrar mensualmente no consumo eléctrico, avanzando cara a unha cidade máis ecolóxica, e tamén nos recursos dedicados ao mantemento, xa que se renovará toda a instalación”.
A actuación licitouse por 268.934€ e un prazo de execución de 3 meses. Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha redución de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior. Rubén Arroxo lembrou que “no último ano e medio realizamos un investimento de 2.450.000€ adicado á renovación do alumeado público da cidade, substituíndo elementos contaminantes utilizados nas instalacións antigas, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético”.
Arroxo explicou que “a mellora do alumeado aumentará tamén a visibilidade e a seguridade da veciñanza da contorna”, e lembrou que “nas actuacións relacionadas co alumeado público aplicamos a perspectiva de xénero para avanzar na eliminación de zonas de sombra da cidade”.