A asemblea local do BNG avaliou as accións de goberno no Concello de Lugo
“As nosas accións responden ao programa de goberno co que o BNG se presentou ás eleccións e ás demandas maioritarias da veciñanza” explicou Maite Ferreiro
Os edís do BNG explicaron os pasos dados, dende o comenzo da mandato, nas respectivas áreas da Tenencia de Alcaldía
Lugo, 10 de febreiro de 2021. A asemblea local do BNG reuniuse de xeito telemático para analizar as accións executadas polo grupo nacionalista na Tenencia de Alcaldía do goberno municipal. As cinco concelleiras e concelleiros do BNG que forman parte do goberno explicaron os pasos dados e sinalaron os obxectivos marcados para as diferentes áreas nas que ostentan responsabilidades.
“As nosas accións responden ao programa de goberno co que o BNG se presentou ás eleccións e ás demandas maioritarias da veciñanza” explicou a vicerresopnsábel local do BNG e concelleira de Cultura, Maite Ferreiro que fixo fincapé “nos avances en cuestións moi necesarias para a veciñanza, como a renovación do alumeado público, tendo en conta a perspectiva de xénero e o aforro enerxético, os proxectos que xa están en marcha como a peonalización de Quiroga Ballesteros, ou a mellora na programación cultural da cidade”.
Na asemblea, Maite Ferreiro lembrou “o traballo realizado pola área de Cultura, dando un importante pulo á actividade na cidade, adaptándoa á situación sanitaria, e traballando man con man co tecido cultural da cidade”.
“É destacable o traballo realizado polo persoal municipal nunha situación tan complicada como a crise sanitaria que estamos a pasar”, afirmou Ferreiro, que engadiu “durante os días máis complicados da primeira onda avanzouse en proxectos importantes para a transformación de Lugo que se están a realizar agora grazas ao traballo do persoal das distintas áreas de goberno”. “Os obxectivos para este mandato están ben definidos e imos a poñer todos os medios e o traballo necesario para activar Lugo”, sentenciou Maite Ferreiro.