Mobilidade coloca aparcabicis en seis zonas da cidade
Rubén Arroxo: “queremos fomentar o uso da bicicleta en lugar do vehículo privado”
“A brigada municipal de obras pode realizar diversos traballos que melloran os servizos das veciñas e veciños”, explicou o Tenente Alcalde
Lugo, 10 de febreiro de 2021. A brigada municipal de obras colocou, durante a mañá de hoxe, unha serie de aparcabicis en 6 zonas da cidade. O Tenente de Alcalde e responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, explicou que “tratamos de dar resposta a unha demanda veciñal moi importante, que serve tamén para fomentar o uso da bicicleta en lugar do vehículo privado”.
A área de Mobilidade colocou aparcabicis na contorna do Colexio Cervantes, en Paradai, Fontiñas, na prazas do Castiñeiro e Agro do Rolo e na rúa Bispo Aguirre. Para o Tenente de Alcalde, “esta acción da un paso máis no novo modelo de mobilidade que estamos a implantar en Lugo, con menos coches nas rúas, e cun maior uso do transporte público e da bicicleta”. “Avanzamos de cara a un concello sostíbel, no que o uso seguro e normalizado da bicicleta como medio de transporte sexa unha realidade”, afirmou o edil nacionalista.
A actuación foi executada pola brigada municipal de obras, coa que o concello de Lugo e a Área de Mobilidade e Infraestruturas traballan para garantir as boas condicións dos distintos servizos públicos da cidade, mellorando a calidade de vida e o benestar da veciñanza. “Debemos destacar a labor que realiza a brigada de obras, que permite facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloran a calidade de vida das veciñas e veciños”, salientou Arroxo.