Deportes ofrece o Pazo á Xunta para vacinacións contra a Covid
“Se as autoridades sanitarias consideran necesario empregar espazos deportivos para axilizar a inmunización, as instalacións provinciais estarán dispoñibles”, dixo Efrén Castro
Lugo, 10 de febreiro de 2021.- Efrén Castro ofreceu á Xunta de Galiza o Pazo dos Deportes para acoller vacinacións contra a Covid-19 e axilizar a inmunización da poboación. “Ante a previsible necesidade de grandes espazos para avanzar na vacinación, e posto que noutras comunidades do Estado planifican o uso deste tipo de instalacións de cara aos vindeiros meses, desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo damos este paso adiante e poñemos as instalacións provinciais a disposición das autoriades sanitarias”
“Nos últimos días, gobernos como o da Generalitat de Cataluña ou o de Aragón avanzaron que barallan empregar este tipo de espazos e mesmo solicitaron a colaboración de concellos e mesmo entidades privadas para localizar recintos que reúnan as condicións axeitadas. Descoñecemos polo momento cal é a estratexia da Xunta de Galiza pero, se os responsables do plan de vacinación consideran necesario recorrer a este tipo de espazos para axilizar a inmunización as instalacións provinciais estarían totalmente dispoñibles, como non pode ser doutra forma”, engadiu.
“O recinto conta con aparcadoiros amplos; ten unha ubicación, a carón da N-VI, que facilita o acceso tanto desde a cidade como de fóra; a subministración eléctrica está garantida tanto no interior do pavillón como nos aparcadoiros. Cremos que son condicións que poderían axustarse á loxística que require a unha vacinación masiva”, apuntou Efrén Castro.
O deputado sinalou que “a inmunización da poboación no menor tempo posible é unha prioridade polo que todos os recursos e medios dos que dispoñen as administracións deben estar ao servizo da estratexia sanitaria”.