O BNG SINALOU QUE UN INFORME PRESENTADO POR ADEGA SINALA QUE “NO PXOM NON SE TIVERON EN CONTA OS CAUCES REAIS DESTA ZONA ONDE NACE O RÍO RATO”
O edificio Impulso Verde, presentado pola alcaldesa, podería estar nunha zona inundable
Segundo Arroxo “o edificio presentado pola Alcaldesa, vaise situar nun dos espazos cuestionados por non terse grafiado os afluentes do río Rato
Rubén Arroxo sinalou que “os terreos nos que se vai construír este edificio chámase tradicionalmente A Lagoa” e engadiu “hai un rego que cruza parte dos terreos e unha xunqueira ocupa a zona próxima ao pozo de tormenta que tantos problemas deu na Garaballa e que tamén está nos mesmos terreos nos que se pretende instalar este proxecto biodinámico”.
Segundo informou Arroxo “o edificio presentado pola Alcaldesa, vaise situar nun dos espazos que foron cuestionados por non terse grafiado os afluentes do río Rato” e sinalou que “as veciñas e veciños da Garaballa, a carón de onde se situará este edificio singular, veñen sufrindo os efectos das subidas de nivel do Rato e ata fai moi pouco padeceron continúas molestias pola contaminación do Rato que circunda as vivendas”.
En outubro 2016 o goberno anunciou unha partida de 63.000 € para grafiar o río Rato na parte que non fora recollida nos documentos do PXOM. O obxecto deste traballo era, tamén, facer os estudios das avenidas de auga correspondentes aos 100 e 500 anos para delimitar as zona inundables do río e definir a topografía de escala a tamaño suficiente. “Entendemos que o goberno municipal tería en conta todas estas circunstancias á hora de elixir o emprazamento desta construción que debe ser un exemplo e non outro fiasco como os que temos visto noutras propostas deste goberno” dixo Arroxo.