Esther Eiros da comezo ao primeiro San Froilán sen restriccións despois da pandemia
Esta edición da gran festa do outono galego contará con máis de 200 actividades e concertos
Maite Ferreiro destacou que o San Froilán 2022 supón a volta de actividades que non se puideron levar adiante na pandemia, como as casetas do polbo
Lugo, 04 de outubro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, realizou a presentación da pregoeira do San Froilán 2022. Maite Ferreiro destacou a ampla traxectoria xornalística de Esther Eiros, “que promocionou a Lugo a través das ondas durante a súa extensa carreira xornalística”.
A xornalista Esther Eiros (Bretoña, 1946) comezou a súa actividade no ano 1970, presentando diversos programas na Radio Miramar. No 75 desprazouse a París, onde traballou como autónoma, e no 78 estableceuse en Madrid, adicándose á información política nos informativos da Radio Miramar. Entre o 81 e o 90 dirixiu diversos programas en Radio 5 e Radio Cadena Española. Desde o 1993 ata a actualidade, dirixe o programa Gente Viajera de Onda Cero, programa co que gañou a medalla de Turismo da Generalitat de Catalunya en 1992, o premio ONETE de Información Turística no 1997 e o premio APEI-PRTV da Asociación Española de Prensa, Radio e Televisión no 1998. Posúe tamén dúas Antenas de Ouro e gañou nos anos 2004 e 2006 o Micrófono de Ouro.
O San Froilán 2022 contará tamén con actividades xa consolidadas no programa, como a mostra de Artesanía Arte San Froilán, organizada polo Centro de Artesanía e Deseño, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ou unha nova edición da mostra Cultura e Tradición no Camiño, a cargo de Traxandaina.
Este San Froilán contará novamente con postos lilas onde especialistas en materia de igualdade traballarán en informar, concienciar e dar pautas para evitar situacións de acoso e violencia machista, e proporcionarán apoio, refuxio e asesoramento no caso de que acontezan. As e os taxistas de Lugo colaborarán traballando para evitar este tipo de situacións.