Rubén Arroxo: “comeza a gran festa do outono galego cun día de San Froilán con máis de 20 actividades de calidade”
O Tenente Alcalde lamentou que “unha vez comezadas as festas, vemos como a Xunta non achegou ningunha proposta cultural ao programa”
Arroxo: “a Xunta achegou concertos a outras cidades como Vigo, a Coruña ou Ourense”
Lugo, 05 de outubro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, asistiu esta mañá ás distintas actividades organizadas polo día de San Froilán, “o primeiro día cunha gran selección de actividades de calidade nas distintas rúas de Lugo”. O Tenente Alcalde convidou á veciñanza “a asistir ao primeiro San Froilán sen restriccións despois de dous anos de pandemia”, e afirmou que o San Froilán 2022 “conta cun amplo programa no que todas as veciñas e veciños de Lugo poderán atopar actividades do seu gusto”.
Arroxo lamentou que unha vez comezadas as festas “a Xunta de Galiza continúe a deixar a Lugo de lado, nesta caso esquecendo a gran festa do outono galego”. Arroxo afirmou que a área de Cultura programou un San Froilán con máis de 200 actividades “buscando que, despois de dous anos de pandemia, toda a veciñanza de Lugo poida desfrutar da gran festa do outono galego”, e engadiu “a Xunta de Galiza debería terse implicado nas festas de Lugo do mesmo xeito que fixo noutras cidades”.
O Tenente Alcalde lembrou que desde a área de Cultura se pediu ao Goberno Galego que incluíse o San Froilán na programación do Xacobeo 2022, con algunha actividade cultural de calidade. “Vemos unha vez máis que a Xunta esquece á veciñanza de Lugo, engadindo un elemento novo á lista das débedas que teñen con Lugo”.
O San Froilán 2022 conta unha programación diversa e de calidade, con concertos, espectáculos de rúa e cunha gran presencia do tecido cultural da cidade. Hoxe as rúas de Lugo acollerán máis dunha vintena de actividades, entre as que se atopan os concertos de Troveros de Asieta (21:00 en Santa María) e Zahara (22:00 na praza Horta do Seminario).