O BNG lamenta a deslealdade da alcaldía para atallar a situación da sanidade pública en Castro de Rei
O BNG presentou unha proposta para que os grupos políticos municipais mantiveran unha xuntanza co conselleiro de sanidade e esixir solucións ao emperoramento da atención primaria do concello
Digna Lagarón “o goberno municipal cégase ante a realidade que padecemos, estamos sen persoal e cun consultorio pechado; isto chámase deslealdade á veciñanza”
Castro de Rei, 6 de outubro de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei lamenta que o goberno municipal rexeitara a proposta do BNG para celebrar unha xuntanza urxente co conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, xunto cos portavoces municipais para tratar a situación que están a atravesar os servizos sanitarios de atención primaria do concello.
A portavoz municipal do BNG en Castro de Rei, Digna Lagarón, declarou “o goberno municipal cégase ante a realidade e no seu fanatismo partidario, é incríbel que non queira solucionar o peche dun consultorio médico e que non se lle ofreza á veciñanza un servizo sanitario digno” ao que subliñou “isto chámase deslealade á veciñanza e actuar descaradamente a favor de intereses alleos”
De igual xeito, Digna Lagarón incidiu “tamén están cometer unha inxustiza co persoal do centro de saúde, que teñen unha tremenda sobrecarga de traballo por mor dos recortes que o PP está a impoñer á fronte da Xunta e repercutindo directamente na calidade do servizo ás persoas”
Neste senso, a portavoz municipal do BNG destacou a urxencia desta xuntanza “quen debe render explicacións á veciñanza e de forma urxente é o conselleiro Julio García Comesaña, que é o máximo responsábel en competencias e debería contar con toda a información sobre como está sendo o servizo e conta coas ferramentas para aplicar solucións”
Digna Lagarón subliñou que o BNG continuará a defender a sanidade pública no concello “hai que garantir o dereito á saúde, débese pór xa en marcha o consultorio de Castro de Rei e se poña en pleno funcionamento o centro de saúde de Castro Ribeiras de Lea”