Á MOSTRA ACHEGÁRONSE 2965 PERSOAS QUE PUIDERON AFONDAR NA RELACIÓN EXISTENTE ENTRE VIDEOXOGOS E LITERATURA, NA SÚA EXPRESIÓN ARTÍSTICA E O SEU VALOR
A exposición ubicada no MIHL 'Literatura e Videoxogos' recibe preto de 3000 visitantes en dous meses
Á mostra achegáronse 2965 persoas que puideron afondar na relación existente entre videoxogos e literatura, na súa expresión artística e o seu valor
Ferreiro amosou o seu compromiso "en garantir unha programación cultural variada para que os museos da cidade se convertan en puntos de referencia"
Lugo, 14 de febreiro de 2024. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, compartiu os datos de visitantes da exposición inaugurada o pasado 5 de decembro no MIHL. Literatura e Videoxogos, organizada polo Museo do Videoxogo en colaboración coa área de Cultura, ofreceu aos visitantes máis de de 40 pezas, entre dispositivos e obras de software, de importante valor histórico e conceptual durante 2 meses.
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, explica Maite Ferreiro, "quixo entrever con esta exposición a relación existente entre videoxogos e literatura, na súa expresión artística e o seu valor, desenvolvendo para o Concello de Lugo unha instalación experimental". O éxito foi tal que, comenta Ferreiro, "a área de Cultura contaba xa con máis de 500 estudantes confirmados para visitar esta exposición antes da súa inauguración".
Con todo, a concelleira de Cultura indicou que, durante o primeiro mes de exposición, do 5 ao 30 de decembro, visitárona 1366 persoas, 982 individualmente e 384 en grupo, destacando especialmente o público adolescente. No mes de completo de xaneiro, foron 1098 persoas visitantes, 768 individual e 330 en grupo; mentres que do 1 ao 9 de febreiro (data de peche) visitaron a exposición 501 persoas, 195 individualmente e 306 en grupo.
En total, explicou Maite Ferreiro, foron 2965 as persoas que se achegaron ao MIHL dende o 5 de decembro ao 9 de febreiro para visitar a exposición Literatura e Videoxogos, "que afondou nas narrativas e na lingua integradas como elementos inseparables das obras interactivas, e que permitiu xogar e experimentar a todas as que se achegaron", insistiu a concelleira.
Ferreiro recalcou o compromiso do Concello de Lugo "en traballar para garantir unha programación cultural que inclúa distintas expresións artísticas e correntes culturais, para que os museos da cidade de Lugo se convertan en puntos de referencia e espacios abertos para satisfacer os intereses da poboación e fomentar o diálogo cultural", rematou a concelleira de Cultura.