Felipe Rivas: “continuamos cos vieiros escolares seguros, unha iniciativa que está a ter un enorme éxito entre as familias”
O concelleiro de Educación destacou "a gran implicación das familias e das nenas e nenos con este proxecto"
Este ano, o proxecto de vieiros escolares está a executarse nos colexios Albeiros, Rosalía de Castro e Franciscanos
Lugo, 09 de febreiro de 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Educación, Felipe Rivas, realizaron a ruta que a diario realizan as e os escolares do colexio Albeiros cos vieiros escolares seguros da Concellería de Educación. Rivas valorou como "un éxito" a posta en marcha este curso dos vieiros, e destacou "a boa recepción e a implicación demostrada polas familias e polas nenas e nenos con este proxecto". Rivas vinculou o éxito dos vieiros “ás distintas iniciativas postas en marcha pola Tenencia de Alcaldía, como o calmado do tráfico, que contribuíron a crear ambientes máis seguros nas contornas dos centros de ensino”.
Os Vieiros Escolares Seguros reúnen cada mañá a máis de 40 nenas e nenos, un 10% do total de estudantes do CEIP Albeiros. "Este curso expandimos o proxecto tamén ao CEIP Rosalía, onde está tamén a ter unha boa aceptación entre as familias", declarou o edil de Educación.
"Con esta iniciativa buscamos crear o hábito de ir a pé ao colexio", explicou o edil de Educación, que engadiu "as distintas iniciativas de calmado de tráfico executadas pola área de Mobilidade nos últimos meses permitiron que este colexio fose un bo escenario para poñer a anadar este proxecto".
A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado", explicou o concelleiro de Educación, que afirmou, "continuaremos traballando para levar os vieiros a máis centros e avanzar na eliminación dos problemas de tráfico nas entradas e saídas dos centros de ensino que actualmente podemos ver en Lugo".