Éxito na primeira Festa da Filloa de Lugo, que deu comezo ao Entroido organizado pola Tenencia de Alcaldía
A praza de Santo Domingo acolleu a primeira gran cita do Entroido 2023 cunha afluencia masiva por parte da veciñanza
A área de Participación organiza unha extensa programación de cara aos vindeiros meses en Lugo
Lugo, 11 de febreiro de 2022. A contorna da Praza de Abastos acolleu esta mañá a primeira edición da Festa da Filloa de Lugo, cita coa que a Tenencia de Alcaldía deu comezo ás actividades do Entroido 2023. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, destacou “a boa acollida” que tivo esta iniciativa por parte da veciñanza de Lugo, e destacou que o Entroido deste ano “conta cunha gran selección de actividades para toda a veciñanza”.
A Tenencia de Alcaldía instalou na praza de Santo Domingo unha máquina capaz de elaborar entre 900 e 1.100 filloas por hora, para entregar filloas de xeito gratuíto a toda a veciñanza que se achegou ao evento, que contou coa animación musical da Duendeneta.
O Entroido conta en total con “17 actividades para distintos públicos, con animación musical e teatral na rúa”, lembrou o Tenente Alcalde.
As actividades do Entroido 2023 continuarán o vindeiro mércores, 15, coa Tradescola, coa charla O Mundo da Máscara, a cargo de Mercedes Vázquez Saavedra, que terá lugar a partir das 19:30 no Vello Cárcere.
O venres 17, as actividades comezarán co Pregón do Entroido, a cargo de Marta Veiga Izaguirre, que contará coa animación musical de Condensadores de Fluzo e continuarán a partir das 21:30 coa actuación musical da charanga Louband polo recinto histórico.
O sábado 18 a animación comezará a partir das 18:00 co concurso infantil de disfraces na praza Maior. Durante a deliberación do xurado, o público poderá desfrutar da animación de Clownamorado, de Rudi Dudi, e a partir das 20:00, a Tambukada estará no recinto histórico, rematando as actividades a partir das 22:00 coa actuación de Brassica Rapa polo recinto histórico
O domingo 19 a praza Maior acollerá a partir das 12:30 a Peter Punk co seu espectáculo Chungo que te cagas, e o luns 20 Culturactiva representará a gala de circo Introitus, continuando as actividades ás 20:00 coa actuación de Bloco Meigallo e o 22 con Unión Phenosa polo recinto histórico.
O día 21, a Gramola Gominola representará a partir das 12:30 na praza Maior o seu espectáculo As que máis molan da Gramola. Pola tarde terá lugar, a partir das 18:00 o concurso de disfraces na categoría de adultos. Durante a deliberación do xurado o público contará coa animación de Carta de Ajuste.
As actividades do Entroido rematarán o mércores 22 a partir das 20 horas co Enterro da Sardiña, organizado pola asociación Pepe Barreiro.
Programación Praza de Abastos
Arroxo lembrou as actividades que terán lugar na contorna da Praza de Abastos e do Mercado Municipal nos vindeiros meses. "Unha vez o mes, sempre cadrando en sábado, disfrutaremos dos concertos de Claustro Mudical no Mercado Municipal" explicou o Tenente Alcalde que ademais lembrou a celebración de obradoiros para as crianzas os sábados entre as 11 e as 14 horas.
A vindeira fin de semana o soto da Praza acollerá un campionato escolar de axedrez mentres que os días 18 e 19 celebrarase o II campionato de Futbolin Maestros do Norte. O dia 20 de febreiro terá lugar o Mercado de Entroido no soto da praza de abastos, onde se poderán mercar os productos propios de estas datas.
O 8 de marzo realizarase unha homenaxe ás mulleres que traballaron a reo tanto na praza de Abastros como no Mercado Tradicional.