Felipe Rivas entrega os premios do XXVI Certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo
O Vello Cárcere acolleu a entrega dos premios, na que estiveron presentes representantes dos grupos municipais
Catro rapazas e rapaces de entre 12 e 18 anos resultaron gañadoras
Lugo, 25 de marzo de 2021. O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, entregou no Vello Cárcere os premios do XXVI certame de Contos e Relatos Curtos Trapero Pardo. “Temos como obxectivo para este certame apoiar a creación literaria das mozas e mozos de Lugo, e a súa inclusión na vida cultural”, indicou Felipe Rivas.
O Certame estivo dividido en dúas categorías, de 12 a 14 e de 15 a 18 anos, que contan con tres premios cada unha. Cada un dos gañadores recibiu un diploma e un lote de libros, e a maiores repartíronse premios de distintos valores segundo as categorías.
Na categoría de 12 a 14 anos, a gañadora, que recibe un premio valorado en 200€, foi Lucía Dominguez Pereira, do colexio Divino Maestro. Os tres premios da categoría 15 a 18 anos foron para Paula Pardo Darriba, do IES Ánxel Fole, Yorel Ladra Ballesteros, do IES Pedrouro de Burela e Elliane Álvarez-Yañez Rodríguez, do IES Ánxel Fole, que recibiron premios de 250, 130 e 100 euros cada un.