Felipe Rivas e Rubén Arroxo visitaron o comedor do CEIP Rosalía, que vén de iniciar a actividade polo novo curso escolar
Felipe Rivas: “os comedores escolares atenderán este ano a 700 usuarios, máis que antes da pandemia”
O edil de Educación explicou que “coa mellora da situación sanitaria puidemos aumentar a cabida dos comedores para facilitar a conciliación as familias”
Lugo, 09 de setembro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo visitou xunto co concelleiro de Educación, Felipe Rivas, o comedor escolar do CEIP Rosalía, que vén de iniciar a súa actividade coincidindo co comezo do novo curso escolar. “Este ano os comedores escolares atenderán a preto de 700 usuarios, máis dos que se atenderon antes da pandemia”, explicou Felipe Rivas, que engadiu “organizamos os comedores en distintas quendas para garantir a mínima ocupación simultánea, mellorando a seguridade deste servizo”.
A concellería de Educación adaptou os protocolos dos comedores ás novas normas elaboradas polas autoridades sanitarias, “o que permitiu aumentar a cabida xeral do servizo, facilitando a conciliación ás familias”, explicou Felipe Rivas, que destacou que “este ano puidemos outorgar praza a todos os usuarios fixos do servizo de comedor, e aos fixos e esporádicos do servizo de madrugadores”.
Felipe Rivas puxo en valor o traballo do persoal da concellería de Educación e a colaboración das equipas directivas dos centros que anualmente se leva a cabo de cara ao inicio de curso para organizar este servizo. “desde o ano pasado, todos os centros públicos de Lugo contan con servizo de madrugadoras e madrugadores, un servizo necesario para moitas familias debido ás súas xornadas laborais", sentenciou o concelleiro.