O Goberno de Lugo avanza na mellora do bus urbano coa adquisición de novas marquesinas
Alexandre Penas: “continuamos a mellorar o servizo de transporte público atendendo a solicitudes da veciñanza”
O Goberno de Lugo saca a concurso a adquisición de 10 novas marquesinas, cun prezo máximo de licitación de 67.760€
Lugo, 06 de xaneiro de 2022. O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas anunciou que o Goberno de Lugo vén de iniciar o procedemento para adquirir 10 novas marquesinas para o bus urbano. O edil de Infraestruturas explicou que “continuamos a mellorar o servizo de transporte público, atendendo ás solicitudes da veciñanza que reclamaba novas marquesinas en distintas zonas da cidade”.
O Goberno de Lugo vén de sacar a concurso a adquisición de 10 novas marquesinas, que saen cun prezo máximo de 67.760€. As novas marquesinas ubicaranse nas paradas da Avenida Carvalho Calero 18, Avenida de Magoi 69, Avenida de Magoi 23, Rúa San Roque, Ronda da Muralla 118, Obras Públicas, Avenida da Coruña 344, Avenida da Coruña 394, Estrada Vella de Santiago (Balneario) e Rúa Armórica.
“Continuamos a traballar na mellora e ampliación do mobiliario urbano, escoitando as solicitudes da veciñanza e traballando para mellorar a imaxe da cidade”, explicou Alexandre Penas.
As empresas interesadas en acceder a este contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de xaneiro.