Os Reis chegan a Lugo para realizar unha cabalgata estática e segura

IMG_0099
IMG_0099

Maite Ferreiro xunto con concelleiras e concelleiros dos grupos con representación no Concello de Lugo, recibiron aos Magos de Oriente nas instalacións do Auditorio Municipal Gustavo Freire                            

 

Os Reis chegan a Lugo para realizar unha cabalgata estática e segura

Lugo, 05 de xaneiro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, recibiu esta mañá aos Magos de Oriente, que chegaron á carpa habilitada pola área de Cultura nas instalacións do Auditorio Municipal Gustavo Freire. Maite Ferreiro, xunto con representantes dos grupos da Corporación Municipal, acompañaron aos Magos, que recibirán até as 14 horas ás nenas e nenos que se acheguen. Pola tarde, entre as 17:30 e as 19:30 horas, os Magos volverán estar dispoñibles para atender a todas as nenas e nenos de Lugo.

A área de Cultura conta con espectáculos de gran calidade internacional para amenizar a visita das nenas e nenos ás carrozas reais. Entre os espectáculos escollidos, destacan La Parada Amorosa, de Remue Menage ou Chamôh, de Paris Benares, ambos chegados desde Francia. Ademais, contarase coa animación de primeira calidade achegada pola compañía galega Culturactiva, que achegará cisnes, cebras, bonecos e unicornios, ou o Rancho de Reis Xeitoso de Reviravolta.

 

 

Discurso Reis Magos Cabalgata 2022

 

Primeiro intervirá Baltasar felicitando noutros idiomas.

 

Despois Gaspar fará a tradución da súa mensaxe.

 

E, por último, Melchor fará o seguinte discurso.

 

Querida cativada lucense:

 

Estamos moi contentos de ter chegado a Lugo para compartir con vós este día, preludio dunha noite tan especial.

 

Percorremos un camiño moi (moi) longo cos nosos sacos cargados de agasallos para repartir esta noite polas vosas casas. A estrela que nos guiou ata aquí contén os vosos soños, sabedes por que? Porque a súa luz está feita da vosa bondade e da vosa inocencia.

 

É unha mágoa que non poidamos vernos de preto para que nos lembredes ao oído o que nos pedistes, pero non vos preocupedes porque recibimos todas as vosas cartas e este ano tivemos especial coidado cando preparamos os agasallos. Vimos cargados de sorpresas.

 

Xa sabedes que para ver algo hai que crer. E os Reis Magos cremos en vós, as nenas e nenos que facedes que, neste día, a xente adulta recupere un pouco desa infancia que igual teñen algo esquecida. Compartide con eles a vosa ilusión, botade a voar a imaxinación e enchede de maxia as vosas casas.

 

Sabemos que en Lugo sodes especialmente xenerosas e xenerosos, que sempre recibides e tratades ben ás persoas que, coma nós, veñen doutros lugares. Sabemos que sodes responsables, con todo, e tamén coa Natureza, non vimos lixo tirado polas rúas, nin porcalladas á beira dos fermosos ríos que rodean a cidade, o Rato e o Miño. E tamén sabemos do voso bo comportamento durante estes tempos tan complicados pero que vós facédelo doado. Por iso é unha grande satisfacción para nós chegar a Lugo! Non vedes como nos brillan os ollos de ledicia? Así que será xusto facervos felices neste día, como vós facedes felices a quen vos rodea todos os días do ano.

 

Chegamos un pouco cansos, así que viranos ben se nos deixades algo para repoñer forzas xunto aos vosos zapatos, porque a noite vai ser longa tamén para nós. Unha cousa importante: non vos deitedes tarde, que temos que comezar a repartir os agasallos moi cedo para que nos dea tempo de chegar a todas as casas.

 

E nada máis. Grazas a todas e todos por recibirnos sempre tan ben en Lugo e que se cumpran os vosos soños. Lembrade que só fai falta unha chispa de maxia para contaxiar a esperanza!

Os Reis chegan a Lugo para realizar unha cabalgata estática e segura