O Goberno de Lugo colabora nunha nova edición da Feira Medieval de Fontiñas
Rubén Arroxo: “trátase dunha cita consolidada na axenda cultural de Lugo, que volve despois do parón producido pola pandemia”
A Tenencia de Alcaldía do Concello colaborará achegando a infraestrutura necesaria para o desenvolvemento da actividade e animación musical
Lugo, 29 de marzo de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que o Goberno de Lugo colaborará cunha nova edición da Feira Medieval de Fontiñas, e que se celebrará de novo os vindeiros 8, 9 e 10 de abril. Arroxo visitou a praza do Camiño Primitivo, un dos puntos principais desta feira, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas e o presidente da Asociación de Hosteleiros de Fontiñas.
Rubén Arroxo anunciou que as distintas áreas da Tenencia de Alcaldía colaborarán “achegando a infraestrutura técnica precisa para o desenvolvemento da Feira, ademais de colaborar coa animación musical do evento”, e destacou a importancia desta actividade “xa consolidada no calendario cultural de Lugo, que volve despois do parón producido pola crise sanitaria”.
A avenida das Fontiñas e a praza do Camiño Primitivo volverán á idade media entre o 8 e o 10 de abril. Distintas actividades de animación e unha nova edición do Mercado Medieval volverán congregar no barrio á veciñanza e ás persoas que se acheguen a Lugo na busca da mellor artesanía, productos de alimentación e mostras de recreación histórica