O Goberno de Lugo completa a renovación das beirarrúas da Cheda

Alexandre Penas: “continuamos a traballar para mellorar as instalacións públicas das distintas zonas periurbanas da cidade”

O edil de Infraestruturas, xunto co Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e Cristina López, visitou os traballos que se están a desenvolver na zona

O Goberno de Lugo completa a renovación das beirarrúas da Cheda

Lugo, 27 de maio de 2021. O Goberno de Lugo completou nestes días a renovación das beirarrúas no barrio da Cheda. O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas explicou que “continuamos a atender aos distintos barrios da cidade, neste caso cunha pequena actuación que non supón un elevado custo económico ao concello e que mellora enormemente a calidade de vida da veciñanza do barrio da Cheda”.

Penas visitou a zona xunto coa concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, e co tenente Alcalde, Rubén Arroxo. Alexandre Penas lembrou os traballos xa executados polo goberno de Lugo nos últimos meses, entre os que destacan a renovación do alumeado público ou a actuación integral executada na pavimentación de todas as vías do barrio, feita no ano 2020. A área de Medio Ambiente actuou tamén neste barrio, renovando a rede de abastecemento e eliminando o fibrocemento.

"Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan estas rúas", afirmou Alexandre Penas, que engadiu "desde Infraestruturas planificamos o traballo a realizar tendo en conta as solicitudes das veciñas e veciños, que son quen coñecen de primeira man as necesidades da zona na que viven".

O Goberno de Lugo completa a renovación das beirarrúas da Cheda