Comeza o Lugo Máxico 2022
Lugo acollerá 10 actividades gratuítas ata este domingo, 29 maio
Maite Ferreiro: “as galas terán lugar na praza Horta do Seminario para facilitar que a veciñanza se poida achegar aos distintos espectáculos”
Lugo, 27 de maio de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, asistiron á gala do valenciano Mago Orbit, que deu comezo ao Lugo Máxico 2022. Maite Ferreiro afirmou que “esta fin de semana estarán en Lugo unha serie de magos de gran calidade e recoñecemento, tanto galegos como do resto do estado e de Portugal”.
O Lugo Máxico 2022 consta de 10 actividades que terán lugar entre o 27 e o 29 de maio, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo que se realizaron durante esta semana, como a sesión de maxia nos vieiros escolares do Colexio de Albeiros. O HULA acolleu tamén sesións de maxia cos magos Marcos Waldemar, Nacho Samena e Fernando Keller.
Mañá, sábado 28, a praza Anxo Fernández Gómez acollerá a Feira dos Imposibles, organizada pola compañía Civi Civiac, e que está dirixida a todo tipo de públicos. Nesta feira, dúas personaxes proporán xogos con diferentes caixas e obxectos misteriosos. A Feira contará con 25 elementos distintos entre artiluxios de inxenio, caleidoscopios, cadros de dobre visión, inventos máxicos e ilusións ópticas. A actividade terá lugar pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 horas, e pola tarde de 17:00 a 20:00.
Tamén na praza Anxo Fernández Gómez os magos Marcos Waldemar e Nacho Samena impartirán distintos obradoiros pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00.
A xornada de sábado rematará a partir das 19:00 coa gala Galego-Portuguesa. Cayetano Lledó presentará a gala na que actuarán os magos Cali, Camilo Vázquez, Kiko Pastur, David Méndez, Mago Romaris e David Sousa.
O domingo 29 será o día grande do Lugo Máxico 2022. A xornada comezará ás 11:30 no Hotel Méndez Núñez, coa conferencia A maxia de David Sousa, a cargo do mago portugués, e destinada á formación das e dos profesionais da maxia.
Os obradoiros de Marcos Waldemar e Nacho Samena continuarán na praza Anxo Fernández Gómez entre as 11:00 e as 14:00, e pola tarde de 17:00 a 20:00.
A praza Horta do Seminario acollerá unha gala infantil a cargo do mago Enric Magoo a partir das 13:00. Enric Magoo recibiu numerosos premios, tanto a nivel estatal como internacional nos seus máis de 30 anos de carreira artística. Ademais, é o director do festival internacional de maxia de Badalona.
A partir das 18:30 o Vello Cárcere acollerá a conferencia Do xamón ao mago. Como a maxia se converteu nunha arte?, a cargo do investigador Ramón Mayrata, e aberta ao público xeral. Mayrata ten unha recoñecida traxectoria como investigador e historiador do ilusionismo, e fundou, xunto co mago Juan Tamariz, a editorial Frakson, especializada en textos de maxia.
O Lugo Máxico 2022 rematará coa Gran Gala Lugo Máxico, a partir das 20:00 na praza Horta do Seminario. Camilo Vázquez será o conductor da gala que contará coas actuacións de Fernando Keller, Jessica Guloomal, Enric Magoo, Luís Manuel e o Mag Albert.
Todas as actividades do Lugo Máxico 2022 serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto.