Comeza o procedemento de licitación da peonalización de Gallego Tato
Rubén Arroxo: “trátase do novo paso adiante dentro da mellora das zonas escolares da cidade”
Esta actuación executarase nunha zona importante da cidade onde conflúen instalacións deportivas, centros de ensino, zonas verdes e o Centro Social da Piringalla
Lugo, 06 de maio de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou os avances realizados no procedemento de peonalización da rúa Gallego Tato, no barrio da Piringalla, avanzando nas actuacións nas contornas escolares. O Goberno de Lugo vénd e abrir o procedemento de licitación das obras, qeu saen a concurso cun orzamento base de 259.248,82€ e un prazo de execución de catro meses. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 15 de xuño.
O Tenente Alcalde afirmou que “hai dous anos e medio comezamos a executar actuacións de calmado de tráfico nas contornas dos centros escolares, e agora continuamos coa mellora das zonas escolares cun novo plan de humanización que comezará no colexio Luís Pimentel”.
Arroxo destacou que “este é o centro de ensino que conta con máis estudantes na cidade, e está situado nunha zona na que conflúen centros de ensino, instalacións deportivas e un centro social, polo que se fai necesario contar cun espazo humanizado para o desfrute da veciñanza”.
“Este proxecto será o espello no que continuar avanzando na humanización dos centros de ensino, tal e como nos veñen solicitando tanto as directivas como as asociacións de nais e pais dos distintos centros”, explicou o Tenente Alcalde, que engadiu “seguiremos traballando para continuar a humanizar e embelecer a cidade creando espazos útiles para a as persoas”.