O Goberno de Lugo continúa a mellorar o barrio da Ponte cunha nova actuación na rúa da Brétema
Alexandre Penas: "continuamos a mellorar as instalacións públicas no barrio da Ponte, onde neste mandato realizamos múltiples actuacións para mellorar a imaxe desta importante zona de Lugo"
Veñen de comezar os traballos, consistentes na renovación da capa de rodadura desta rúa
Lugo, 26 de xaneiro de 2022. O edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitou xunto con persoal municipal a rúa da Brétema no barrio da Ponte, onde veñen de comezar os traballos de renovación da capa de rodadura. Alexandre Penas explicou que “continuamos a mellorar a imaxe e as instalacións públicas no barrio da Ponte, unha zona na que neste mandato realizamos un importante esforzo para garantir o benestar da veciñanza”.
A solución adoptada pola concellería de Infraestruturas Urbanas consiste na aplicación dunha capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, o que asegurará que a intervención sexa duradeira. Unha vez rematado o asfaltado, adaptaranse os rexistros á nova cota da vía e renovarase a sinalización horizontal.
"Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas planificamos o traballo tanto coa información que nos fan chegar as veciñas e veciños dos barrios e coas distintas visitas que realizamos para coñecer de primeira man as necesidades de cada zona", declarou Alexandre Penas, que engadiu "iso, xunto coas visitas que realizamos aos distintos barrios permítennos levar a cabo a planificación de traballo que realizamos por toda a cidade".
A concellería de Infraestruturas realizou durante estes anos diversas actuacións no barrio da Ponte, renovando varias rúas perpendiculares á principal, instalando elementos de calmado de tráfico na rúa principal e renovando a sinalización horizontal na zona.
"A intervención levarase a cabo intentando minimizar ao máximo posible as molestias ás veciñas e veciños da zona", indicou o edil nacionalista, que engadiu "dende a concellería de Infraestruturas Urbanas temos que ter en conta que a maioría das veciñas e veciños de Lugo vivimos en barrios, e temos que traballar para mellorar a calidade de vida dos mesmos".