Maite Ferreiro inaugura Vello Cárcere a exposición “Realidade Interior” de Manuel Suárez.
A Concelleira de Cultura destacou a gran calidade da obra achegada por Manuel Suárez
A exposición poderá ser visitada na primeira planta de homes dende o 27 de xaneiro ao 27 de marzo de 2022.
Lugo, 27 de xaneiro de 2022. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou esta tarde a nova exposición do Vello Cárcere, Realidade Interior, de Manuel Suárez. Maite Ferreiro destacou a "versatilidade do Vello Cárcere para acoller mostras de distintas disciplinas artísticas, como a pintura abstracta de Manuel Suárez".
Esta nova exposición temporal está constituída por un total de 36 obras de diversos formatos e técnicas, que foron realizadas a través dun proceso creativo marcado pola introspección, a experimentación e a materia. Outro aspecto a salientar da obra é a combinación de diferentes materiais, mediante os que Manuel Suárez crea atmosferas envolventes e volumes orgánicos que conviven coa enérxica xestualidade do seu trazo.
Esta nova mostra poderá ser visitada na primeira planta de homes, dende o día 27 de Xaneiro ata o 27 de Marzo.