O Goberno de Lugo homenaxea a Xoán Montes no 122 aniversario do seu pasamento
Cristina López: “desde a nosa chegada ao goberno traballamos por mellorar a imaxe do noso músico máis destacado”
A área de Participación colocou unha placa conmemorativa xunto á sepultura do músico no Cemiterio Municipal
Lugo, 24 de xuño de 2021. A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, abriu esta tarde a actividade organizada polo Goberno de Lugo no Cemiterio Municipal polo 122 aniversario do pasamento de Xoán Montes. López destacou o traballo realizado desde as áreas da Tenencia de Alcaldía neste mandato para lembrar a figura do músico lucense, entre as que destacou "a restauración da sepultuda ubicada no Cemiterio Municipal ou o traslado do busto á praza Maior, que foi unha iniciativa de varios colectivos culturais da cidade".
O acto celebrado esta tarde contou coa lectura do poema Negra Sombra por parte de Tareixa Campo, do grupo de teatro Achádego, e as actuacións musicais do quinteto Umbra Nigra e do Orfeón Lucense. Por último, Fernando Gómez Jácome encargouse de realizar unha ofrenda floral a Xoán Montes. Ao acto foron convidados representantes das principais entidades asociativas da cidade relacionadas coa música e con Xoán Montes, ademais dos grupos municipais de goberno e oposición.
A área de Participación colocou unha placa de mármore xunto á sepultura do músico no Cemiterio Municipal. Cristina López explicou que “dado que a sepultura se atopaba nun estado de desgaste moi avanzado, decidimos colocar unha placa en lembranza de Xoán Montes que axude a identificar mellor a zona na que foi enterrado”.