Lugo, 14 de setembro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, reuniuse esta mañá co Delegado Territorial da Xunta de Galiza en Lugo e co persoal técnico responsábel da mobilidade de ambas administracións para buscar a mellor solución posíbel de cara a mellorar as conexións do bus na zona do Carqueixo. Arroxo explicou que “na xuntanza buscamos chegar a un acordo entre ambas administracións para engadir unha nova parada que de servizo á zona sen aumentar o percorrido do bus urbano”.
O Tenente Alcalde destacou que “desde o concello traballaremos da man coa Xunta para garantir a viabilidade técnica desta parada, segundo os criterios que marque o goberno galego para permitir a máxima seguridade para as persoas e a mellor maniobrabilidade para o bus”, e engadiu “desde o concello estudaremos que o bus poida xirar na LU-530 para non aumentar o percorrido da liña, traballaremos da man coa Xunta para permitir este xiro”.
Arroxo lembrou que “co novo modelo estamos a utilizar practicamente a totalidade da bolsa de Km contemplada no contrato asinado polo anterior goberno o que non nos permite engadir máis metros de percorrido nunha zona sen retiralos noutra”.
O actual proxecto de liñas de bus urbano foi aprobado co apoio de todos os grupos da corporación municipal na Mesa de Transporte Público. Durante a elaboración do proxecto, tivéronse en conta as solicitudes da veciñanza achegadas ao concello por distintas vías (queixas e reclamacións, chamadas ao 010, etc).