O Goberno de Lugo mellorará as instalacións da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoi
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e o edil de Educación, Felipe Rivas, visitaron esta mañá as instalacións situadas nas proximidades do colexio de Albeiros
Felipe Rivas: “esta intervención permitirá mellorar a eficiencia enerxética do edificio e reducir os custos de mantemento”
Lugo, 13 de setembro de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo visitou as instalacións da Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoi xunto co edil de Educación, Felipe Rivas. A concellería de Educación vén de aprobar a renovación da cuberta do edificio, ”unha actuación moi necesaria para mellorar tanto a eficiencia enerxética das instalacións como para reducir os custes que temos que afrontar en mantemento”, explicou Felipe Rivas.
A concellería de Educación inviste preto de 40.000 euros nesta actuación, que permitirá mellorar os servizos prestados nesta instalación municipal. Nas últimas semanas, a área de Mobilidade, que dirixe Rubén Arroxo, instalou unha senda peonil na contorna destas instalacións para mellorar tamén a seguridade nos accesos do CEIP de Albeiros.
A senda peonil discorre polas rúas Xenebro, Garaballa de Arriba (treito sen beirarrúas) e Illa de Ons, que contan cunha nova limitación de velocidade a 20 Km/h e espazos diferenciados para o tránsito peonil “mellorando a seguridade viaria de todas as nenas e nenos que se achegan ao colexio a pé”, afirmou o edil de Educación.