O BNG reclama que se dote de persoal facultativo suficiente a atención primaria en Castro de Rei

A deputada Carme Aira “O concello de Castro de Rei, de máis de 5000 habitantes, conta cun só facultativo”

O BNG presentará iniciativas para esixir á Xunta máis recursos e a reactivación do servizo sanitario

O BNG reclama que se dote de persoal facultativo suficiente a atención primaria en Castro de Rei

Castro de Rei, 10 de setembro de 2021.-A deputada por Lugo no Parlamento galego do Bloque Nacionalista Galego, Carme Aira, visitou o Centro de Saúde de Castro Ribeiras de Lea para contrastar de primeira man as condicións nas que está o Servizo de Atención Primaria no concello de Castro de Rei, dado que neste momento conta cun só médico para todo o concello.

Carme Aira declarou que ”o concello de Castro de Rei conta cun so médico para os máis de 5000 habitantes que ten. O outro centro de saúde que funcionaba no mesmo Concello, na localidade de Castro de Rei está pechado”. Subliñou que “esta situación é inasumible, a veciñanza non ten un servizo sanitario acaído e os profesionais teñen unha carga de traballo que non é soportable”

 

A deputada asegurou que este colapso está a provocar diferentes problemas, dende a falta de citas, tardanzas de até un mes para consulta, ou a falta de dispensación de medicación “as farmacias non permiten sacar máis medicamentos ás pacientes xa que non hai suficientes médicos para poder activalas, feito que está entorpecendo e poñendo en perigo os tratamentos das pacientes” explicou Carme Aira.

 

A nacionalista defendeu que "é preciso dar a volta ás políticas aplicadas nos últimos anos á sanidade pública galega. Para rachar a precariedade do SERGAS é imprescindíbel dotalo de máis recursos materiais e humanos, especialmente na atención primaria” dixo Carme Aira.

 

O BNG presentará nos vindeiros días diferentes iniciativas no Parlamento galego para reactivar a atención primaria, e neste caso, a reposición urxente de persoal facultativo nesta localidade chairega.

O BNG reclama que se dote de persoal facultativo suficiente a atención primaria en Castro de Rei