A área de Cultura realiza unha nova intervención artística no aparcadoiro do Concello de Lugo
Maite Ferreiro: “continuamos a traballar para mellorar a imaxe da cidade con intervencións artísticas de muralistas recoñecidos”
O muralista Miguel Peralta é o encargado desta nova intervención artistica enmarcada dentro do ciclo Culturbán
Lugo, 10 de setembro de 2021. A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua continúa co festival de arte urbano Culturbán, que este ano celebra a súa segunda edición. O recoñecido muralista Miguel Peralta encargarase de realizar un mural no aparcadoiro municipal do Seminario, que se poderá ver desde a avenida Anxo López Pérez. "Seguimos a traballar en intervencións artísticas na rúa que convirtan a Lugo nun lugar vangardista, participativo e amable ", explicou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro.
O novo mural realizarase utilizando as cores da contorna, o que permitirá, segundo explicou a edil de Cultura, “unha mellor integración entre esta intervención artística e a contorna”.
O festival de arte Culturban é unha mostra de arte urbana que propón explorar a contorna a partir de intervencións artísticas que transformen a cidade. "Trátase dunha fórmula de interacción global coa cidade e cos seus barrios, tanto a nivel urbanístico como social", declarou Ferreiro, que engadiu "trátase dunha experiencia única xa que durante todo o proceso creativo se usan as rúas de Lugo, tanto como taller de traballo, como lenzo e como galería".
Maite Ferreiro destacou “o éxito” que supuxeron as intervencións do primeiro culturbán, e afirmou que “continuaremos a traballar para mellorar con arte a imaxe das rúas de Lugo”.