O Goberno de Lugo únense á semana das nacións unidas sobre a Seguridade Viaria
Rubén Arroxo: “o obxectivo desta semana é concienciar sobre a necesidade de respectar os límites de velocidade para crear cidades máis amables”
O Concello de Lugo enviará material aos centros de ensino para que realicen actividades sobre mobilidade segura
Lugo, 19 de maio de 2021. O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, informou que o Concello de Lugo se uniu ás actividades da Semana Mundial das nacións unidas sobre a Seguridade Viaria. Rubén Arroxo explicou que “o obxectivo para este ano é concienciar sobre a necesidade de respectar os límites de velocidade para crear cidades máis amables coas persoas, unha cuestión na que desde a área de Mobilidade levamos traballando desde a nosa chegada ao goberno”.
O Tenente Alcalde explicou que “desde o Goberno de Lugo temos o compromiso de avanzar cara a unha cidade máis amable coas persoas, con menos tráfico e máis ecolóxica”. Desde as áreas de Educación e Mobilidade enviarase aos centros de ensino o material proposto polas nacións unidas para que as estudantes realicen actividades sobre a mobilidade segura.
A semana mundial das nacións unidas sobre a Seguridade Viaria celébrase desde o 2014 na terceira semana de maio. Para o ano 2021, o lema é “Rúas para a Vida, #Love30”, e ten como obxectivo concienciar sobre a importancia de respectar os límites de velocidade.