Rubén Arroxo: “a universidade pública permitiunos estudar a moitas persoas que non eramos de familia rica”
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo participou nun acto organizado polo BNG sobre a universidade
No acto participaron tamén o deputado no Parlamento Galego, Manuel Lourenzo e a profesora da USC, Ana Isabel García
Lugo, 20 de maio de 2021. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo e portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, participou esta mañá nun acto organizado na Escola Politécnica do Campus de Lugo, xunto coa profesora da USC Ana Isabel García e o parlamentario do BNG, Manuel Lourenzo. No acto, Rubén Arroxo afirmou que “é preciso reforzar a universidade pública para ofertar un ensino de calidade, aproveitando o potencial na investigación en a ciencia co que contan as nosas universidades, o que reverterá no desenvolvemento do País”, e engadiu “o sistema público de universidade permitiu que todas as persoas puidésemos acceder a un ensino de calidade sen ser de familia rica”.
Rubén Arroxo criticou “que o Partido Popular desde o goberno da Xunta facilite a creación dunha universidade privada mentres o as tres universidades galegas perderon 440 millóns de euros só no orzamento adicado á ensinanza universitaria”. Ao analizar tamén o investimento perdido nas partidas adicadas á investigación, o recorte chega a 825 millóns de euros nos últimos 12 anos.
Rubén Arroxo afirmou que “as universidades galegas precisan recuperarse dunha década de recortes”, para o que é necesario, segundo afirmou o portavoz nacionalista, “dotalas de máis orzamento para que o sistema universitario galego siga sendo de calidade, que forme ás xeracións presentes e futuras, para que sexan punta de lanza da investigación, da ciencia e do coñecemento, que son as bases para unha Galiza verde, sustentable, de vangarda e con futuro”.