Infraestruturas complementa a renovación do Camiño Primitivo cunha actuación no Carril das Flores, no treito próximo a San Eufrasio
Alexandre Penas: “con esta actuación aumentamos o espazo peonil, creando unha zona de convivencia e transformando esta zona nun espazo amable para as persoas”
O Goberno de Lugo investiu 83.248€ nesta actuación
Lugo, 21 de novembro de 2022. O Tenente Alcalde e responsábel de Mobilidade, Rubén Arroxo, visitou xunto con Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas o Carril das Flores, onde o Goberno de Lugo a través da concellería de Infraestruturas Urbanas está a intervir para mellorar a zona. “Trátase do treito final da rúa, ubicada xunto á rúa San Eufrasio, un dos treitos do Camiño Primitivo ubicados na entrada a Lugo”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “esta actuación da continuidade á renovación elaborada en todo o percorrido do camiño primitivo pola cidade, e creará unha área de convivencia veciñal cunha imaxe renovada e máis amable para as persoas”.
O Goberno de Lugo investiu 83.248€ nesta intervención, cuxos traballos consistiron na instalación dunha nova pavimentación, creando unha nova zona de preferencia peonil e unha zona verde, ademais de renovar a varanda da escaleira, mellorando a imaxe da zona.
“Esta actuación compleméntase con outras actuacións executadas co obxectivo de mellorar esta zona da cidade, como a rotonda de San Eufrasio, que acabou cun dos puntos negros máis perigosos da cidade, o plan de calmado de tráfico que se executou na zona da Chanca ou a instalación por parte da área de Cultura dunha serie de lendas sobre este barrio nas rúas”, explicou o concelleiro de Infraestruturas.