O Vello Cárcere acolle un congreso sobre alumeado público organizado polo CEI
O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro participarán en distintas ponencias deste congreso
O programa será de acceso gratuíto ata completar o aforo, e terá lugar este venres, 25 de novembro entre as 9:30 e as 18:30 no Vello Cárcere
Lugo, 22 de novembro de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciou que este venres o Vello Cárcere acollerá o congreso Centro de Pensamento e Networking, Alumeado Urbano, organizado polo Comité Español de Iluminación en colaboración co Concello de Lugo. O evento, que terá lugar este venres, reunirá a un grupo de expertos e expertas en alumeado no Vello Cárcere este venres, cun total de 4 conferencias e 3 mesas de expertos nas que se tratarán temas como as tendencias de alumeado, a protección do ceo nocturno ou o alumeado con perspectiva de xénero.
Rubén Arroxo afirmou que “Lugo acolle este congreso onde mostraremos o esforzo que realizamos nos últimos anos, avanzando na renovación da rede de alumeado público cun gasto enerxético baixo, e aplicando a perspectiva de xénero para garantir a seguridade nos espazos públicos”. O Tenente Alcalde participará na charla inaugural, xunto con Fernando Ibañez Abaiga, presidente do Comité Español de Iluminación e representantes da Consellería de Industria, que terá lugar ás 09:30 no auditorio do Vello Cárcere.
Ás 17:15, a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, participará na mesa de expertos sobre alumeado con perspectiva de xénero, onde compartirá espazo Juan Carlos García, arquitecto, Lanzada Calatayud, consultora de turismo e Alfred Sá, deseñador de alumeado.
Ao remate da xornada, entre as 19:00 e as 21:15 realizarase un paseo nocturno pola cidade, que co título unha mirada colectiva á paisaxe nocturna achegará ás persoas participantes a imaxe das rúas de Lugo durante a noite. Este paseo nocturno está organizado pola asociación SlowLight
Todas as actividades do congreso de alumeado, así como o paseo nocturno son de acceso libre até completar o aforo do Vello Cárcere.