Infraestruturas habilita novos aparcabicis no aparcadoiro do Seminario Menor
Alexandre Penas: “seguimos aumentando a cantidade de aparcabicis para facilitar que se opte pola bicicleta en lugar do coche”
Ademais dos aparcabicis, habilitáronse novas prazas para mobilidade reducida no aparcadoiro, que é público durante as tardes e as fins de semana
Lugo, 29 de xuño de 2021. A Concellería de Infraestruturas continúa a ampliar o número de aparcabicis colocados na cidade coa instalación de novas prazas no aparcadoiro municipal do Seminario Menor. O concelleiro responsábel, Alexandre Penas, explicou que “seguimos aumentando a cantidade de aparcabicis instalados para facilitar que a veciñanza use a bicicleta en lugar do vehículo privado”.
Ademais de novos aparcabicis, habilitáronse neste aparcadoiro novas prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida. O aparcadoiro pode utilizarse de xeito gratuíto por toda a veciñanza durante as tardes pola semana, e durante todo o día as fins de semana e os festivos.
Durante este ano, a concellería de Infraestruturas colocou tamén unha serie de aparcabicis na contorna do Colexio Cervantes, en Paradai, Fontiñas, na prazas do Castiñeiro e Agro do Rolo e na rúa Bispo Aguirre. Segundo Alexandre Penas, "esta acción da un paso máis no novo modelo de mobilidade que se está a implantar en Lugo, con menos coches nas rúas, e cun maior uso do transporte público e da bicicleta".