Concello e Universidade presentaron as actividades do ciclo Na Bocanoite, organizadas no Lugo Cultural
O convenio Lugo Cultural conta co apoio das áreas de Cultura do Concello e da Deputación, e está xestionado pola USC
O ciclo Na Bocanoite contará con varios concertos ao aire libre na Casa do Saber durante os mércores do mes de xullo
Tanxungueiras, Marcos Teira, Proxecto Lorca e Caamaño&Ameixeiras completan o cartel do ciclo musical
Lugo, 29 de xuño de 2021. O Alcalde en funcións, Rubén Arroxo, presentou xunto á vicerreitora do Campus de Lugo da USC, Montse Valcárcel, as novas actividades do ciclo musical Na Bocanoite, que se incorporan á programación cultural de Lugo para o mes de xullo. O novo ciclo contará con 4 concertos ao aire libre, na solaina da Casa do Saber, durante as do mes de xullo. O ciclo musical ‘Na Bocanoite’ está incluído na programación cultural deseñada dentro do convenio Lugo Cultural, xestionado pola USC e que conta co apoio das áreas de Cultura do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
Tanxungueiras, o trío de pandeireteiras e cantareiras galegas creado hai xa un lustro por Aida Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, abrirá o 7 de xullo, ás 20.30 horas, a nova edición do ciclo ‘Na Bocanoite’, cun espectáculo sonoro que servirá para presentar ao público lugués o seu último traballo, Midas, un disco no mesturan a tradición e a vangarda.
Este disco leva o nome dun tema homónimo, a través do que Tanxungueiras dá conta do seu poderío e da súa enerxía, ao tempo que xira cara a fusión da súa música con estilos máis urbanos, próximos ao trap ou á música electrónica, un camiño que xa comezaron a explorar no anterior álbum.
Marcos Teira será o protagonista de Na Bocanoite o 14 de xullo, data na que está programado o concerto de presentación de Nós, o último disco do guitarrista nado en Pobra do Caramiñal. Neste traballo, Marcos Teira conta coa colaboración musical de Alfonso Calvo ao baixo, Moisés Fernández na percusión e Alejandro Vargas ao piano.
A última achega musical de Marcos Teira supón o peche dun círculo comezado hai xa 25 anos e que o levou a percorrer escenarios por todo o mundo. Neste álbum, Teira pasa temas de jazz polo filtro do flamenco, outra das súas grandes paixóns.
O ciclo Na Bocanoite continuará o 21 de xullo cunha nova entrega de poemas musicados de Lorca. Nesta nova entrega do chamado ‘Proxecto Lorca’, o elenco de intérpretes estará conformado polas agrupacións Noeila Geada e David Taboada, Nebra, Infrarroja, Muruáis e Monsal e Condensadores de Fluzo.
O dúo Caamaño&Ameixeiras, integrado por Sabela Caamaño ao acordeón cromático e Antía Ameixeiras no violín e na voz, pechará o 28 de xullo a nova entrega de Na Bocanoite.
As catro actuacións programadas no marco do ciclo ‘Na Bocanoite’ comezarán ás 20.30 horas. A entrada aos concertos será gratuíta, aínda que será preciso reservar praza con antelación.
As persoas interesadas deberán solicitar as súas entradas a través do enderezo de correo electrónico [email protected]. O teléfono 982 821 513 estará dispoñible para solicitar máis información sobre as distintas actividades.
O aforo estará limitada segundo as restriccións vixentes, e en caso de choiva, os concertos trasladaranse ao auditorio municipal Gustavo Freire.
Findecurta
O certame Findecurta, unha convocatoria a prol do cinema en galego promovida ao abeiro do convenio Lugo Cultural celebrará o vindeiro 8 de xullo, a partir das 20.30 horas, a cerimonia de entrega de premios da súa sexta edición no auditorio municipal Gustavo Freire, no marco dunha gala na que o público asistente poderá visualizar todas as propostas presentadas a esta edición do certame.
A entrega dos galardóns ás dúas mellores propostas desenvolverase ao remate da gala, cando o xurado da VI edición Findecurta emitirá o seu fallo e dará a coñecer a cinta gañadora, cuxos autores recibirán como premio unha gratificación en metálico de 500 euros, ademais da posibilidade de participar coa súa curtametraxe na 43 edición da Semana de Cine de Autor de Lugo, na que competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
As autoras e autores da curta máis valorada polo público presente na sala tamén recibirán como agasallo a posibilidade de presentar e competir polo premio do público na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.
As persoas interesadas en asistir como público a esta festa do cinema galego da man de novos creadores poden solicitar os seus convites de balde a través do enderezo de correo electrónico [email protected]. Tamén se pode acadar máis información a través do número de teléfono 982 821 513.